Nota de prensa del grupo municipal PSdeG-PSOE de TUI



CONVOCADOS OS GRUPOS POLÍTICOS PARA ESTUDAR A NOVA PRAZA DE ABASTOS

O equipo de goberno municipal convoca a tódolos grupos políticos a unha reunión para resolver as dúbidas que permitan a aprobación do proxecto da Praza de Abastos.

O proxecto que foi o quinto mellor valorado de España ofrece unha oportunidade única de financiación a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Tui, 7 de setembro de 2023. O grupo municipal do PSdeG-PSOE quere comunicar a toda a cidadanía tudense que hoxe terá lugar unha reunión técnica cos grupos municipais para solucionar as dúbidas sobre o proxecto da Praza de Abastos e aproveitar así a financiación conseguida para a súa reforma a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Tras o pleno pasado evidenciouse que existe  un descoñecemento por parte da oposición do estudo e plan de usos do mercado municipal elaborado polo equipo de goberno a lexislatura pasada, do proxecto de reforma elaborado e do proxecto finalista que acadou unha das máximas puntuacións de España por parte do Ministerio de Comercio. Ante esta situación, o goberno quere solucionalas e tratar de levar adiante esta oportunidade para Tui, atendendo e explicando tamén ao completo da cidadanía tudense os obxectivos que persegue este proxecto, xa que é a beneficiada e interesada última desta actuación.

O proxecto de reforma da praza de Abastos englóbase dentro dun proxecto de maior envergadura que reflicte o compromiso deste grupo municipal co comercio local a través da modernización do mercado municipal, dixitalización do comercio local e aposta polos produtores locais ou km0. A praza de abastos ten un papel fundamental como motor do comercio local e con esta reforma preténdese que siga sendo “a praza de toda a vida”  aportándolle melloras á súa arquitectura e á súa accesibilidade. Ademais, búscase atender dunha mellor forma aos consumidores ampliando a  variedade da oferta, mellorando a experiencia de compra cos novos servizos para a clientela ou a formación para os praceiros/as. Non esquecemos tampouco os novos tempos nos que vivimos, por iso tamén se aplicará o marketing dixital, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos, a sustentabilidade e a economía circular. Á vez que isto tamén supón facer da praza un lugar de encontro para a veciñanza, aproveitar unha praza pública para o desfrute de todos así como seguir diversificando o gran potencial turístico da nosa cidade para introducir o turismo gastronómico e máis atractivo para o país veciño.

Por todo isto, esta é unha oportunidade única para aproveitar a subvención que se nos concede e facer deste edificio municipal unha Nova Praza de Abastos que aumentará o noso orgullo de ser tudenses.

Grupo Municipal Tudense PSdeG-PSOE.